Fondo cabecera

IGREXA DE SAN PEDRO DE ESPERELA

monumentos4

Edificio de planta cadrada dividido no interior en tres naves. A principal cúbrese a dúas augas, sobre armadura de madeira, con cinco vigas tirantes. As laterais son prolongación da nave principal, agás a parte próxima ó presbiterio que é máis elevada e cúbrese a tres augas. A nave central sepárase das laterais por medio dunha arcada corrida de tres arcos de medio punto en cada lateral sobre os que descansa a armadura da cuberta.

Na fronte levántase a torre construída con boa sillería de granito e formada por tres corpos. O inferior, con base sobre os muros da nave central e sobre dous pilares laterais saíntes, ten dous accesos, un central con arco de medio punto e un lateral sur baixo o pilar. O do medio, cego, ancorado tamén á nave e o superior con catro vans e dúas campás. Nesta fachada podemos observar como a nave central, cun ventanal ó sur da torre, sobresae ás laterais, existindo á esquerda unha porta de acceso ó interior.

O presbiterio conserva algúns vestigios da primitiva edificación románica, hai que recordar que esta igrexa sufriu unha profunda transformación no século XVIII, conserva pois da súa orixe románica modillóns nos dous laterais e un arco de medio punto dobre en aresta. Os canzorros do tramo recto da ábsida son tamén da obra románica.

No lateral esquerdo existe un retábulo barroco con dúas columnas salomónicas de acios, pintado e dourado, cun San Roque no ático. Ademais forman parte do seu patrimonio un sagrario barroco con relevo de custodia, San Román pintado, San Antonio, San Pedro, dous cálices de prata cicelada do século XVIII e un copón moderno tamén de prata.

Segundo Nicandro Ares Vázquez: ¿San Pedro de Esperela. Monasterio medieval en el Cádavo¿ (El Progreso, 28/02/1978), aparece confirmada en dous documentos, un de Ordoño I do ano 857, e outro de Alfonso III, do ano 900, a existencia neste lugar dun mosteiro adicado a San Pedro.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Baleira
Concello de Baleira
Avenida Doctor Escobar s/n – 27130 Baleira - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 35 40 59
E-mail: info@concellobaleira.es
Esta página utiliza cookies propias y de terceros con la finalidad de mejorar la navegabilidad, usabilidad y los contenidos. Si continúas navegando, nos otorgas tu consentimiento y autorizas a la transferencia de datos a EEUU al utilizar el servicio y funciones de Google para la recopilación de datos analíticos y fines publicitarios. Puedes conocer más acerca de las cookies en nuestra Política de Cookies. ACEPTAR | +info